Monday 29 de April de 2024

Beatriz Bascoy entrevístase en Bruxelas cun dos máximos responsables da redacción da nova Política Agraria Comunitaria


 

A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, reuniuse esta mañá en Bruxelas con Ricard Ramón i Sumoy, un dos máximos responsables da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea. O motivo da xuntanza -encadrada nun convite do Grupo Verdes-Alianza Libre Europea- estivo en coñecer de primeira man as repercusións da nova Política Agraria Comunitaria para o período 2021-2027 sobre a que está traballando a Unión Europea. Porén, Bascoy tamén aproveitou a entrevista para consultar posibles vías de finanzamento para proxectos municipais relacionados co sector primario.

A rexedora modestina achegouse a Bruxelas con dúas iniciativas que o Concello xa ten definidas. A primeira delas é o remate da rehabilitación do recinto feiral de San Ramón como referente do comercio de proximidade. Un primeiro paso foi a transformación da antiga nave dos tecidos en mercado semanal e espazo de usos múltiples onde, ademais, se celebran eventos coma a feira das fabas ou a do queixo. Agora o Concello anda co adecentamento exterior, centrado na reparación do firme do recinto, no cambio da iluminación e no arranxo de dependencias auxiliares.

Outro dos proxectos en marcha é o da creación dun centro de transformación agroalimentaria no vello espazo dos queixos. Esta iniciativa -cun investimento próximo aos 200.000 euros- permitirá producir todo tipo de elaborados, como por exemplo mel, marmeladas ou zumes, coa finalidade de achegar aos mercados de Km 0 artigos de calidade e alto valor engadido. No impulso ao centro de transformación participan, ademais de Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño, posto que as futuras instalacións terán vocación comarcal e estarán abertas a envasados para autoconsumo ou para distribución.

Alén destes programas con nome e apelidos económicos, Moeche tamén ten en mente poñer en valor a tradición cabalar -representada tanto na Feira do 23 de Abril como na práctica dos distintos tipos de andadura galega-, habilitando para iso instalacións axeitadas para a práctica ecuestre e para a actividade comercial que xera arredor de si.

“A razón da visita á Comisión de Agricultura son tres: por un lado presentar a situación do noso Concello, similar á doutros municipios pequenos, mirar que vías de finanzamento e que outras experiencias existen para poder avanzar na modernización do noso recinto feiral, así como buscar liñas de finanzamento para contarmos cuns equipamentos ecuestres que dean resposta á tradición do mundo cabalar en Moeche”, explicou a rexedora.

Con ese concepto en mente, Beatriz Bascoy acudiu a Europa para ver en que liñas ou programas comunitarios terían encaixe estes proxectos, tendo en conta o horizonte da nova Política Agraria Comunitaria. Sobre estas cuestións falou con Ricard Ramón, un dos redactores do regulamento polo que se rexerá a aplicación do programa de fondos.

Ramón un avanzou os contidos da PAC 2021-2027, que recolle unha completa reformulación do reparto dos fondos comunitarios destinados ao sector primario e o desenvolvemento rural. As principais novidades deste marco europeo son a de darlle maior marxe aos estados membros para establecer o reparto dos pagamentos directos, o establecemento dunha cantidade límite a cada beneficiario, a simplificación de trámites, así como a inxección dunha maior porcentaxe de fondos para a incorporación de xente nova ao agro.

Por outra banda, a nova PAC incide na sostenibilidade ambiental e aposta por acurtar o camiño entre o produtor e o consumidor. Iso si, todo con menos cartos, posto que se baralla un descenso próximo ao 5% no orzamento total total, do que un 3,5% afecta aos pagamentos directos.

Á saída do encontro co Xefe de Unidade da Dirección Xeral de Agricultura, Beatriz Bascoy fixo balance do seu resultado: “A valoración é boa. Polo menos puidemos coñecer as propostas que hai enriba da mesa, algunhas delas moi avanzadas, sobre a política da PAC”. A alcaldesa destacou a este respecto que a visita á sede da Comisión Europea serviu para obter información sobre puntos que serán valorables no futuro sistema de reparto dos fondos europeos. “Levamos datos importantes sobre experiencias similares no relacionado coa feira e co mundo do cabalo, que nos van servir para establecer canles de colaboración que serán fundamentais para obter finanzamento”.